Friday 17 de May de 2024

Brión aproba por unanimidade o Orzamento de 2020, que ascende a 6,7 millóns e aumenta nun 10% a partida de emprego e servizos sociais


 

José Luís García destaca que “é o mellor que se pode facer cos límites que temos” pois “a Regra de Gasto nos ten paralizados máis de 4 millóns de euros do Concello”

Unanimidade dos tres grupos municipais de Brión (PSOE, PP e BNG) á hora a de aprobar os Orzamentos Municipais para 2020, que ascenden a 6.745.220,39 euros, un 6,63% máis co ano anterior (6.326.110,96 euros). Un orzamento que “non é o que nos gustaría, pero é o mellor que se pode facer cos límites que temos”, asegurou o alcalde de Brión, José Luís García, quen lembrou que “a Regra de Gasto nos ten paralizados máis de catro millóns de euros do Concello”.

García explicou que “se trata duns presupostos sociais e inversores, que buscan crear emprego”. Neste sentido, cómpre indicar que a partida destinada a Servizos Sociais e Emprego medra un 10% con respecto ao ano pasado, un punto que destacaron tanto BNG como PP á hora de xustificar o seu voto favorable. “Non leva subida de impostos nin préstamo ningún”, reafirmo o alcalde.

Medran os investimentos

Así mesmo, José Luís García chamou a atención sobre os 1.019.855,25 euros dedicados este ano a investimentos reais, un 15,12% máis ca no exercicio anterior. Ademais, lembrou que “no exercicio anterior se dotou unha partida de 600.000 euros para execución de pavimentacións das principais estradas do municipio en aglomerado en quente. Este ano temos previsto achegar case un millón de euros máis”.

Entre os investimentos previstos figuran as obras incluídas no POS+ 2020, que recolle un investimento de 53.561,91 euros da Achega Provincial 2019 a un proxecto de obras de mantemento e mellora de beirarrúas en Lamiño e Liñares, ao que o Concello de Brión achegará outros 864,41 euros.

Así mesmo, o Concello de Brión destinará os 262.621,83 euros do Plan Complementario a dous proxectos: mantemento e mellora de aldeas e camiños en Trasouteiro, Brión de Arriba, Saíme e Espiñeiros (115.846,93 euros) e mantemento e mellora das redes de abstecemento e saneamento de Chave da Ponte, rúa Gondar, Cabanas-Saíme, Bastavaliños, Soutullos e Bemil (146.774,9 euros). Outras iniciativas importantes son a melllora da seguridade viaria na travesía de Bastavaliños, que conta cun oramento de 306.735,47 euros, incluída no POS Adicional 1/2019.

Dun breve desglose das contas recóllese un incremento do 8,47% con respecto a 2019 en gastos de persoal e do 4,73% para mantemento de servizos básicos e, sobre todo, nos servicios prestados por outras empresas e profesionais de Concello. Pola contra, baixa nun 8,57% o Capítulo IV, sobre todo pola achega menor á Mancomunidade xa que en anos anteriores houbo que facer fronte a situacións puntuais”.

Voto a favor

O voceiro do BNG, Xosé Luis Penas Corral, agradeceu que este ano a documentación fose entregada con 10 días de antelación para a súa análise e destacou que “Brión conta cun nivel de execución do orzamento do 90%. Hoxe en día é complicado chegar a estas cifras para calquera administración”. Ademais destacou que “somos conscientes da importancia de executar eses 4 millóns. Esperemos que o novo Goberno o cambie e teñamos un desafogo”. Máis breve foi a voceira do PP, María Fariña Bellón quen valorou o documento como “positivo” .

José Luís García agradeceu o apoio unánime dos 13 concelleiros que compoñen a corporación lembrando que os Orzamentos “non é algo pechado, senón que estamos abertos a calquera cousa que se considere que se poida mellorar por parte dos grupos municipais”.

RPT

Previamente, o Pleno Municipal aprobara, tamén por unanimidade, a primeira modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Brión, aprobado no verán de 2019. Unha modificación que suporá a creación do posto “Oficial de Primeira. Condutor”, amortizando o posto de Xefe de Obras Municipais.